CAÑIZA MÁRTIR
A Cañiza ten os seus mártires. Eles foron asasinados ás 16 horas do día 31 de outubro de 1936 no castelo do Castro na cidade de Vigo. A súa condena a morte foi unha farsa de xuízo como todos aqueles que se celebraron coa única intención de aniquilar aos inimigos do fascismo, aos defensores da legalidade. Xuízos ilexítimos, por suposto, mais a súa verdadeira definición é a de ilegais por iso deberían ser anulados polo actual goberno democrático, que hoxe ten a obriga de defender os dereitos dos homes e mulleres que sufriron a represión dunha organización golpista. Xesús, Tirso, Xusto e Antonio son aínda dobremente mártires porque nin o goberno actual anulou o seu consello de guerra, nin o seu concello fixo un recoñecemento institucional a súa memoria. Para que non se esqueza ninguén deles e para que todos saiban que a loita polos republicanos represaliados continúa, Cañiza Republicana non deixará de lembralos.
Jesús Eugenio Pérez Pérez natural de A Cañiza, socialista e mestre da parroquia de Achas. Membro destacado do partido no concello de A Cañiza e activo na súa militancia. Fusilado os 49 anos deixando muller e 5 fillos.
Tirso Servando Justino Gómez Freijido natural de Ribadavia, veciño de A Cañiza, naceu o 1 de febreiro de 1887, presidente da Casa do Pobo e destacado membro do partido. Industrial latoeiro profundamente preocupado polas melloras das condicións laborais dos traballadores. Loitador e firme defensor da República. Fusilado ós 49 anos deixando muller e 3 fillos maiores.
Justo Moure Giráldez natural de A Cañiza naceu o 19 de agosto de 1908, socialista e tenente alcalde do Concello. Home de recta conducta apreciado polos seus concidadáns. Fusilado ós 27 anos deixando muller e tres nenos moi pequenos.
Antonio Mojón Vázquez natural de A Cañiza naceu o 10 de outubro de 1915, socialista e mestre. O máis idealista dos 4 e o máis novo. Estaba convencido de que o ensino era o verdadeiro camiño da liberdade para o pobo. Era quen máis medo meteu ós seus verdugos, a cultura era un verdadeiro perigo. Fusilado ós 21 anos deixando pais e irmáns.
Aínda é máis triste o caso de Benjamín Malvar García, zapateiro, natural de Mondariz, veciño da Cañiza, quen apareceu morto nunha gabia no alto do Confurco en Ponteareas. Naceu o 3 de febreiro de 1902 e foi asasinado o 10 de outubro de 1937. Deixou muller e 4 fillos.
Um comentário:
Parabéns por esa homenaxe aos republicanos mortos por defender as súas ideas. Gustaríame conseguir un dos adhesivos verdes que tiña a xente nesa homenaxe, a ver se algún de vós pode mandarme algún. Agradeceríavolo.
adhesivos22@yahoo.com.br
Carlos - Asturias
Postar um comentário